|
| Ourense naceu como a cidade de ouro e da auga. Así a chamaron os romanos, fundadores do primitivo asentamento ao que cualificaron como Aquae Aurente, do que deriva o topónimo actual. Pero é tamén o lugar das encrucilladas de camiños, na que o río Miño define a estampa paisaxística dunha cidade que se atopa entre a Galicia costeira e a España interior, que sempre buscou proxectarse ao exterior, no pasado cos seus arrieiros, afiadores e emigrantes a ultramar, hoxe cunha punteira industria da moda e do automóbil que penetra en todos os mercados europeos.
O lugar estivo habitado dende tempos moi anteriores, como o testemuñan o achado de útiles paleolíticos, megalíticos, da Idade do Bronce e da Cultura Castrexa.
Non foi ata os primeiros séculos da nosa era cando se conformou coma un núcleo destacado. A fundación romana foi consecuencia da construción da maxestosa Ponte Vella, como lugar estratéxico para controlar o paso do río, e da explotación das augas termais das Burgas e outras fontes próximas.
Durante o período de dominación sueva, nos s. V e VI, aparecen as primeiras noticias documentais da diocese auriense, acadando un momento de gran esplendor ao ser sede do reino cos monarcas Teodomiro e Mirón, quen promoveu a construción da primitiva catedral.
No s. XIII comeza un novo renacer impulsado polo bispado. Neste momento restáurase a ponte e érguese a catedral que actuará como núcleo de desenvolvemento do casco antigo. Este rexurdimento estivo vinculado á forte demanda de viño, florecendo o comercio e exportación dos caldos do ribeiro que Ourense centralizou.
Un fito transcendental no desenvolvemento da cidade foi a súa declaración como capital provincial no s. XIX, co que comeza un novo período de esplendor que se ve reforzado coa chegada do ferrocarril, o desenvolvemento industrial e comercial que fixeron dela, ao longo do século XX e ata chegar á actualidade, un florecente núcleo que conta no presente con máis de 100.000 habitantes. |